|
A Coruña, 25 de Abril do 2011.
Durante a visita adiantaron que a Xunta de Galicia reforzará os equipos técnicos dos xulgados de menores de A Coruña e Pontevedra cun psicólogo a maiores en cada unha das cidades, co fin de potenciar a mediación xuvenil e aumentar, así, o número de solucións extraxudiciais entre os menores infractores.
A Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, resaltou as actuacións que se desenvolven nestes centros específicos de reeducación e destacou o “importante” labor que se leva a cabo nestas instalacións para conseguir a reinserción social dos menores. Como exemplo, salientou que en 2010 ofrecéronse por primeira vez títulos oficiais a menores internos en centros de reeducación, a través dos cursos AFD da orde de formación para desempregados da Consellería de Traballo. Ditos cursos foron xestionados pola Fundación Camiña Social.
En concreto, referiuse ás accións formativas desenvolvidas ao abeiro do programa de obradoiros produtivos, que se desenvolve nos catro centros galegos financiado pola Consellería de Traballo e Benestar e xestionado por EIL INSERGAL, SLU. Dentro deste proxecto, por primeira vez en Galicia, mozos e mozas privados de liberdade puideron ter un contrato de traballo nos obradoiros dos centros, e, como novidade tamén, os rapaces e rapazas tiveron acceso a becas de colaboración con distintas empresas para realizar prácticas. Así, participaron en distintos cursos un total de 209 menores de todos os centros de Galicia; aos que se suman 12 que asistiron a actividades formativas fóra das instalacións; 18 que realizaron prácticas en empresas; e 58 que participaron en actividades de busca de emprego e orientación laboral.
|