ja_mageia

  • Narrow screen resolution
  • Wide screen resolution
  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
D. Carlos Mariscal

Entrevista a D.Carlos Mariscal de Gante, Fiscal Xefe da Fiscalía de menores de A Coruña sobre a modificación da Lei do menor L.O 5/2000 a través da Lei Orgánica 8/2006.

1. Cál é a súa opinión sobre a Lei 5/2000 e a súa recente modificación?

A Lei Orgánica 5/2000, en canto supón primar o interese superior do menor dotándolle de todo un sistema de garantías, supuxo un paso moi importante en relación coa situación anterior. Agora ben, as estadísticas veñen revelando un aumento considerable dos delitos cometidos por menores contribuíndo con iso a desgastar a credibilidade da Lei pola sensación de impunidade das infraccións máis cotiás, como son os delitos e faltas patrimoniais.                       

 De ahí a necesidade de abordar unha reforma da mesma a través da Lei Orgánica 8/2006 a cal presenta uns aspectos claramente positivos tales como unha maior información e protección ás vítimas e perxudicados, un novo catálogo de medidas impoñibles por faltas, unha mellor regulación das medidas, das súas regras de determinación e a súa duración, o tratamento dos maiores de idade a ampliación do prazo máximo de duración das medidas cautelares ou o novo réxime da responsabilidade civil, entre outros.                   

2. Atopa algunha deficiencia á hora de aplicala?

Existen efectivamente certas deficiencias, en primeiro lugar temos algunhas carencias organizativas nas Fiscalías de Menores, tales como a ausencia dun Secretario da Oficina, a inexistencia de adscripción de Grupos de Policía de Menores (cuxa creación estaba prevista na Disposición Adicional Terceira da Lei 5/2000), así como a insuficiencia estructural pola limitación do Xuzgado de Menores de A Coruña e dos Equipos Técnicos (auténtico pescozo de botella do procedemento) unido á existencia de equipos específicos de mediación estraxudicial, ou a falta de interconexión informática entre as Fiscalías de Menores, os Xuzgados de Menores, os Equipos técnicos e a Secretaría Xeral do Benestar encargada da execución das medidas.

Doutra banda, na execución das medidas evidénciase un panorama desigual pero, en todo caso, tributario dun lento proceso de obtención dos recursos necesarios para a implementación do novo sistema de medidas establecido pola Lei (por exemplo, existe na actualidade un notable retraso en iniciarse a execución das medidas de medio aberto, ao que hai que sumar a carencia de pisos e de persoal adecuado para a execución da medida de convivencia con grupo educativo, que na práctica devén inaplicable, etc.), o que marca un escenario excesivamente dependente das deficitarias políticas sociais de prevención e reinserción de menores existentes tanto a nivel estatal como autonómico.

Por último, dende o punto de vista legal, e a pesar das peticións de tódolos Fiscais de Menores de todo o territorio nacional, a reforma non simplificou os trámites procesuais para as infraccións leves (faltas)establecendo claramente a oralidade dos informes dos Equipos Técnicos- tampouco suprimiu a presencia do segundo Fiscal na declaración do detido, creou un modelo híbrido de tramitación da peza de responsabilidade civil claramente insatisfactorio, e, en fin, non se resolveron problemas importantes como a ausencia de intervención penal para os menores de 14 anos, cuxa actuación no ámbito civil da protección ou é simplemente inexistente ou moi deficitaria.

3. Existe conexión entre a dureza dunha Lei e o número de delitos cometidos?

 

Ainda que non existe unha relación directa entre o número de infraccións cometidas e a resposta penal, é evidente que aquel xoga a hora de agravala conduta do menor. Ademais a Lei ven a sancionar con maior firmeza e eficacia aqueles feitos delictivos que revisten especial gravidade (homicidio, asasinato, violación ou agresións sexuais) adecuándose o tempo de duración das medidas á entidade dos delitos e idades dos menores infractores, e o Xuíz na sentenza ten que valorar á hora de impoñer a medida ou medidas, ademais da situación do menor, a circunstancia de que este cometera ou non con anterioridade outros feitos da mesma natureza.

4. Cales son os principais casos de menores que se atopan na Fiscalía?

Entre os máis relevantes temos actualmente o da agresión dos menores de Boiro así como varios casos de acoso escolar e de difusión de pornografía infantil a través de internet.

5. Está cambiando o perfil do menor que delinque?

Nos últimos anos detéctase un maior número de menores implicados que proceden de familias normalizadas así como tamén do colectivo inmigrante, especialmente de países hispanoamericanos.

Percíbese tamén unha maior violencia manifestada nas condutas agresivas, unida con frecuencia a unha actuación en grupo ou en presencia deste.

polo demais, estas manifestacións violentas, acosadoras ou maltratadoras o que poñen de manifesto é o analfabetismo afectivo de moitos destes menores que non coñecen o significado da convivencia social, ao tempo que adolecen dunha falta de compromiso moral e de sentimento de culpa, unido a un deficiente aprendizaxe dos valores cívicos ou ciudadanos, quizais produto dunha sociedade "bastante permisiva", que dá validez a unha perspectiva profundamente egocéntrica dos mesmos, unido a unha falta de implicación dos pais na formación e educación dos seus fillos, suministrándolles un modelo coherente de conduta.

Neste sentido, pódese afirmar que o incremento dos casos de violencia no ámbito familiar ou a aparición dos "nenos-tiranos" non son senón manifestacións desta falta de control familiar e da perda de autoridade dos pais.

6. Na actualidade, cáles cre que son as principais causas polas que delinque un menor?

Deixando aparte as situacións de marxinalidade, creo que unha das causas reside na crenza ou sensación de impunidade derivada da condición de ser menor de idade, unido á falta de control familiar -xa que moitos destes menores atópanse desocupados, pasando a maioría do tempo na rúa, sin suxeción a normas nin a horarios- e ó contaxio polo grupo de iguais, así como a unha personalidade inconsciente e inmadura, que non alcanza a comprender nin a sumir as consecuencias dos seus actos.

7. Cre que a Lei do Menor defende os dereitos das Vítimas?

Precisamente unha das novedades introducidas na recente reforma consiste en reforzar especialmente a atención e recoñocemento dos dereitos das vítimas e perxudicados, entre os que se atopa o dereito a ser informado en todo momento daquelas resolucións que lles poida afectar, incluindo a notificación da sentenza que se dicte, ainda que non se personaran no expediente.

Por outra banda, dótase dunha maior protección ás testemuñas menores de idade vítimas de delitos que deban declarar no xuízo, debéndose acordar necesariamente que se evite a confrontación visual co menor infractor, utilizando para iso calquera medio técnico.

8. Estamos afeitos a mirar máis as consecuencias, por moi duras que sexan, que a analizar as orixes dun acto delictivo, que é onde realmente se poden producir os cambios, qué opinión lle merece isto?

Dende o punto de vista legal cada un debe responder na medida dos actos que cometeu, cun criterio de proporcionalidade. Isto é así porque é unha garantía destinada a evitar arbitrariedades. O que acontece é que esa resposta penal debe adecuarse tamén ó superior interese do menor, xa que a medida que deba cumplir ten unha finalidade reeducativa, e é aquí onde deben analizarse e terse moi en conta as causas polas que delinquiu un menor, e, en especial, cal é a súa situación actual para, en función desta, tratar, a través da execución da medida, de conseguila súa normalización social.

9. En qué medida pode influir unha medida xudicial no futuro dun menor?

En demasiadas ocasións os menores perciben a execución das medidas xudiciais no medio aberto como unha mera obrigación pola que deben asumir o cumprimento dun horario, a realización dunha serie de actividades cuxo significado e finalidade non entenden e someterse ó control fixado polo técnico encargado da execución da medida, pero sin interiorizar a finalidade reeducativa da mesma. De ahí o alto índice de incumprimentos que se veñen producindo.

En canto as medidas de internamento, ainda que en moitos casos se produce unha evolución moi positiva na traxectoria do menor durante a súa estancia no centro, ó saír deste faltan medidas de apoio e recursos orientados cara á inserción socio-laboral destes menores, co que moitas veces pérdese o traballo xa feito cos mesmos.

10. Considera que a sociedade ten a información adecuada para ter unha opinión obxetiva e xusta da Lei do Menor?

Existe un gran descoñecemento non xa dos principios nos que se inspira a Lei do Menor, sinón tamén do traballo que os técnicos realizan cos menores ós que aquela se aplica. Esta desinformación ou información errónea está no orixen de dúas ideas moi extendidas na sociedade en Xeral, especialmente asociadas a algúns casos graves producidos: a sensación de impunidade dos menores que delinquen e a conseguinte necesidade dun maior endurecemento das sancións penais.

11. Qué opinión lle merece o traballo que se está facendo nos centros de internamento xestionados pola Asociación Camiña Social?

Penso que se está facendo unha excelente labor cos menores internos, e iso con independencia do éxito ou fracaso acadado. Ésta é a sensación que teño a través do meu traballo como fiscal de menores e das visitas realizadas ós centros.

12. Qué balance fai da actuación da Fiscalía no ano 2007?

A pesar de certas carencias organizativas, creo que o traballo dos fiscais de menores foi o adecuado, dentro do ámbito das súas competencias, e iso a pesar de que no noso sistema xurídico o ámbito das súas funcións atópase de por sí legalmente sobredimensionado, véndose obrigado a compatibilizar as súas funcións ante a xurisdición de menores con outras funcións alleas á mesma, de ahí a unánime reclamación da exclusividade na especialización.

En cambio, exise unha indefinición do ámbito de competencia das fiscalías en relación coa protección de menores.

En definitiva, durante o pasado ano 2007 volveuse comprobar que o marco legal e organizativo no cal se desenvolve a función da Fiscalía de Menores precisa dunha reforma que perfeccione o traballo desenvolto e asegure unha mellor protección dos intereses dos menores, ca aportación de maiores medios persoais e materiais dos que ata agora se dispoñía.

13. Son necesarias mais modificacións da Lei, ou con esta última é suficiente?

Ademais do anteriormente apuntado, dende o punto de vista estrictamente legal a recente reforma debería abordar outros aspectos tales como a simplificación dos trámites da faltas -establecendo a oralidade dos informes do Equipo Técnico- nin se ampliou o prazo de prescripción destas infraccións leves (tres meses), tampouco se regulou a problemática das costas procesuais.

Todo iso determina a persistencia dunha serie de queixas razoables e un certo sentimento de frustación ante esta reforma na que se perdeu a ocasión de paliar estes obstáculos, o que permitiría unha mellor e pronta resposta penal educativa en interese dos menores así como unha maior eficacia do servizo público prestado polo Ministerio Fiscal.

 

Formulario acceso



Visitantes online

Temos 4 convidados en liña