C.I.E.M.A

O Centro de Intervención Educativa no medio Aberto (C.I.E.M.A.) da provincia da Coruña é un recurso para a execución de medidas no medio aberto que está xestionado pola Fundación Camiña Social a través dun convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e a Fundación Camiña Social para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións no medio Aberto previstas na Lei Orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, na provincia de Coruña.

Atende a menores/mozos/as suxeitos a medidas xudiciais no medio aberto en virtude da aplicación da Lei Orgánica 5/2000 reguladora da responsabilidade Penal dos Menores e a súa posterior reforma 8/2006, así como ao seu Regulamento Real Decreto 1774/2004 do 30 de xullo. Dispón dun Centro de día situado na cidade da Coruña, ademais da infraestrutura operativa suficiente para abarcar convenientemente todas as medidas de medio aberto da provincia da Coruña.

Centro de intervención educativa

As medidas de intervención no medio aberto abarcan a execución das seguintes medidas: tratamento ambulatorio, asistencia a un centro de día, permanencia de fin de semana en domicilio, liberdade vixiada, convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo, prestacións en beneficio da comunidade, realización de tarefas socio-educativas, e sobresemento e arquivo das actuacións unha vez producida a conciliación ou cumpridos os compromisos de reparación entre o menor e a vítima (se é o caso); as cales están enmarcadas na devandita Lei como aquelas medidas que se desenvolven na contorna social do menor/mozo/a e coa utilización das redes comunitarias, favorecendo os vínculos sociais e familiares, así como a súa participación nas entidades sociais.